Friday 03 de May de 2024

En Naraío e Igrexafeita xa encargaron as castañas


As entidades veciñais de San Sadurniño preparan os seus magostos mentres o Concello ultima a organización do Samaín do 4 de novembro

Pola época do ano na que estamos, e polo tempo, que por fin é de outono, toca ir preparándose para os magostos e o Samaín. O Concello celebrará ambas festas na noitiña do 4 de novembro cunha procesión das ánimas que percorrerá entre música e sorpresas o traxecto desde a Capela de Belén ata o adro da igrexa do Rosario. Neste sentido, hoxe mesmo -luns 23 de outubro- a partir das 20:00h está convocada unha reunión de coordinación á que poden sumarse todas aquelas persoas que queiran interpretar algún dos papeis que aínda non están asignados ou participar como figurantes no Samaín municipal. Ademais, entidades como O Castelo de Narahío e Adiante de Igrexafeita xa nos mandaron aviso dos seus respectivos magostos, o de Naraío este sábado 28 de outubro e o de Igrexafeita o sábado 16 de novembro, con formatos moi similares.

O magosto de O Castelo comezará ás 18:30h coa exposición de cabazas que traia a rapazada, á que se lle entregará un pequeno agasallo por participar na mostra e por viren cun disfrace relacionado coa tradición desta época do ano: de Santa Compaña, de pantasmas, do lobishom, de meigas… hai unha chea de opcións, aínda que desde a entidade piden que as familias animen e axuden ás nenas e nenos a preparar o seu traxe en vez de compralo, que o fagan con materiais de reciclaxe ou roupa vella e, importante, que traballen con elas e eles algunha das múltiples unidades didácticas que hai sobre o Samaín para inspirarse nos mitos e costumes galegos, non nos do halloween.

A exposición de caveiras de cabaza irá seguida ás 19:30h do espectáculo de monicreques “O Espantamedos”, dirixido e interpretado por Ignacio Vilariño. Trátase dunha proposta de Fantoches Baj que repasa os “medos” da tradición do noso país, poñéndolles nome a todos e ensinándonos cancións, ditos e as cousas que podemos facer para empoñelos. Pero que ninguén se asuste o espectáculo está pensado para todas as idades a partir dos 4 anos.

Ao remate de “O Espantamedos”, a asociación empezará a servir castañas asadas acompañadas de papas de cabaza ata que se acaben, momento no que comezará a foliada popular para a que convidan a levar gaitas, pandeiretas, pandeiros, culleres, tambor, lata do pementón, a botella de anís… ou simplemente gana de botarlle uns bailes ou de ter música de fondo mentres se bota unha parolada. A rolda rematará cando remate e a iso da medianoite tamén haberá unha queimada.

En Igrexafeita, o sábado 11 de novembro
No caso de Igrexafeita, a AVV Adiante optou por deixar pasar a fin de outubro e o arranque de novembro, con actividades por todos lados, e poñer o seu magosto no seu día grande, o 11 de novembro, San Martiño.

A parte de entretemento será cousa do Mago Marco, que levará ao local social da Torre a partir das 20:30h números abraiantes con cartas, panos, lume, auga, confetis, cordas e outros clásicos da prestidixitación, ademais de tinguir o seu pase con moito humor.

A cea posterior, que comezará sobre as 21:30h, estará composta por castañas asadas, empanada, xamón escaldado e sobremesa. Para as persoas socias da entidade será de balde, mentres que o prezo pouco menos que simbólico para as non socias serán 5€. Iso si, fai falla anotarse antes do 8 de novembro chamando ao 696 912 975 ou 650 484 580. No cartel anunciador, Adiante informa de que ese día terán á venda lotaría do Nadal.

Preparativos para o Samaín municipal do día 4
E mentres os colectivos van preparándose para as súas festas do outono, o Concello de San Sadurniño prosegue coa organización do Samaín e Magosto que se celebrará o sábado 4 de novembro a partir das 20:30h cunha comitiva de ánimas e outros personaxes que irán aparecendo no camiño comprendido entre a Capela de Belén e o adro da igrexa do Rosario.

As áreas de Cultura e Participación veciñal téñeno todo máis ou menos armado baixo a coordinación do actor e director teatral Pepablo Patiño e a axuda da AC Brío, do Castelo de Narahío e doutras entidades e persoas voluntarias do territorio. O grupo aproxímase ao medio cento de participantes, que representarán múltiples papeis en distintos momentos do percorrido.

Con todo, desde o consistorio quérese que a Santa Compaña sexa aínda máis grande, que haxa máis meigas e trasnos e, se cadra, meter algún personaxe tradicional a maiores (vedoiras, lugrumantes, tronantes, etc.).

Por este motivo, todas as persoas interesadas en participar como figurantes poden acudir á reunión que vai ter lugar hoxe luns, 23 de outubro, ás 20:00h na Aula CeMIT (1º andar da Casa da Cultura) para rematar de compoñelo todo e programar os ensaios do percorrido.

No encontro explicarase de que vai a historia que se lle ofrecerá ao público o próximo día 4 -non é necesario aprender ningún papel- e como se pode colaborar, ademais de pasalo de medo durante esa noite que culminará con castañas, cocolatada e unha foliada no claustro do Rosario.